Unhas poucas notas friquis

  • O reloxo UNIX ha pronto chegar aos 1234567890 segundos. Iso ha ocorrer o 14 de febreiro de 2009 ás 00:31:30, hora da Península Ibérica (GMT+1). ¿Vai celebralo alguén?

    O reloxo UNIX conta o número de segundos desde o 1 de xaneiro de 1970 ás 0 horas UTC. Nos ordenadores de 32 bits, a data máxima que ese reloxo pode rexistrar é o 19 de xaneiro de 2038 ás 3:14:07 UTC. Nos de 64 bits, a data máxima está varios centos de miles de millóns de anos no futuro.

  • Ao mercarmos algo no supermercado, a caixeira pode pasar o produto por diante do lector de códigos de barras sen ter que se preocupar pola súa orientación. ¿Como pode ese aparello ler un código de barras co de enriba para abaixo e non se confundir?

    Doado: os códigos que compoñen o código de barras só teñen significado ao lelos no sentido correcto, polo que só hai que lelos nos dous sentidos ao mesmo tempo e empregar o código que se conseguira descifrar.

  • Xa que estamos a falar de códigos de barras, nos teléfonos móbiles modernos que podemos mercar hoxe en día en Europa e nos EE.UU. podemos instalar aplicacións lectoras de códigos QR (por suposto, xa hai anos que teñen isto no Xapón). Os códigos QR son códigos bidimensionais que poden conter textos, enderezos de Internet, datos de contacto, etc.

    Exemplo de código QR.

    No Xapón poñen códigos QR nos anuncios para que a xente poida visitar a web relacionada co anuncio con só lle sacar unha foto co móbil. Outra idea é poñer un código QR no reverso dunha tarxeta de visita, e así o que a reciba ha poder gravar os datos de contacto no móbil sen ter que os teclear todos.

  • Hoxe emiten nos EE.UU. o primeiro episodio da derradeira tempada (non, non ha haber máis) de Battlestar Galactica. Hano emitir o martes 20 no Reino Unido e en Irlanda.

    Quen será o quinto cylon?

Comentarios

Pois eu penso que é...

Eu diria que non é Baltar. Uff, que ganas de non estudar e poder ver lerias coma esta :)