Subhastas con truco

Estáse a falar na blogobóla estes días dunha empresa de subhastas en web que traballa dunha maneira un pouco estraña. Basicamente, atoparon a maneira de conseguir levar uns beneficios impresionantes a conta de que moita xente perda cartos, e que ao mesmo tempo pareza que o gañador da subhasta levou un choio impresionante. Nesta historia explico como funciona a cousa, e por que non che convén participar nesas subhastas (e se o fas, como minimizar o teu custo).

Dubidei un pouco antes de escribir esta historia porque teño medo de que, máis que de advertencia para que algúns non resulten timados, vaia servir de inspiración para que outros gañen cartos de xeito pouco honesto. Pero, ben, á final decidín escribir. Por se acaso, non digo o nome nin o enderezo da empresa de marras ata o final da historia, que se non, xa sei que algún ía abrir a ligazón, quedar prendido da web e esquecer que estaba a ler a miña web :)

A web esa, como dixen, é de subhastas. A mecánica, a primeira vista, é coma en calquera subhasta: hai un artigo á venta, os que queiran mercalo teñen que poxar por el, e o último que poxou gaña o artículo e ten que pagar o prezo poxado. Nesta web, as subhastas non rematan exactamente nun determinado día e hora, coma en eBay, senón que rematan cando pase un determinado tempo sen que ningúen faga ningunha nova poxa, coma nas subhastas "de verdade".

Nesta web, as poxas fanse de 10 en 10 céntimos. Agora ben, tés que pagar o dereito a poxar. Este dereito cústache 50 céntimos por poxa. E, por suposto, como o que pagaches foi o dereito a poxar, eses 50 céntimos non os recuperas se perdes a subhasta. E se poxas cando faltan menos de 15 segundos para que a subhasta remate, o tempo da subhasta esténdese ata 15 segundos despois da poxa.

Imos velo con varios exemplos prácticos.

  • Estou ollando a subhasta dunha consola de videoxogos. O PVP é, segundo a web de subhastas, de 300 euros. Hai un momento, o prezo poxado era de 59,10 euros e faltaban 3 segundos para que rematara a subhasta, cando varias persoas poxaron, co que o prezo aumentou a 59,40 euros e pasou a faltar 15 segundos para o remate da subhasta.

    Finalmente, a subhasta rematou en 59,60 euros, que é o que ten que pagar o gañador da subhasta. Esta persoa fixo 156 poxas, que lle custaron 78 euros, polo que á final ten que pagar 59,60+78=137,60 euros, máis gastos de envío.

    Si, vale, é un prezo máis baixo que os 300 euros que (din que) custa a consola nunha tenda. Pero a xente poxou ata 59,60 euros. A 10 céntimos por poxa, son 596 poxas que fixo a xente. A 50 céntimos, son 298 euros que gañou a empresa vendendo poxas. E despois os 59,60 euros que ten que pagar o gañador, son 357,60 euros en total. Supoñendo que a consola lle custa 300 euros á empresa, son 57,60 euros (un 19,2%) de beneficio.

  • Se parece pouco, imos ver outro exemplo: unha subhasta dun “trío” de teléfonos sen fíos, de 79,90 euros de PVP, que rematou en 34,10 euros, e na que o gañador poxou 9 veces.

    Polo tanto, o gañador paga 4,50 euros polas poxas máis 34,10 euros polos teléfonos = 38,60 euros. E a empresa leva 170,50 euros polas poxas, máis 34,10 euros da subhasta = 204,60 euros. Un beneficio duns 124,70 euros (156,07%) de nada.

  • Terceiro exemplo: unha cámara fotográfica, que se vende baixo a modalidade de "prezo fixo" por 29 euros. É dicir, que independentemente do prezo final ao que chegue a subhasta, o gañador só ha ter que pagar os 29 euros para levala á casa (máis o que lle custaran as poxas, claro).

    A xente poxou por ela 247,20 euros. É dicir, que a xente gastou 1236 euros en poxas. O gañador fixo 238 poxas, polo que gastou 119 euros e agora ten que pagar os 29 euros. Polo tanto, o gañador ha pagar 148 euros e a empresa ha recibir 1265 euros (1236+29) pola cámara. Non está nada mal isto, para unha cámara que, segundo a web esta, custa 399 euros no mercado: 866 euros (217,04%) de beneficio.

Supoño que non teño que dicir que todo isto me parece un pouco estraño. Basicamente, o negocio consiste en conseguir que a xente pague cartos por ter a oportunidade de gañar algo. Ou sexa, isto é unha rifa camuflada de subhasta. E, polo que vimos nos exemplos anteriores, moita xente está a meter moitos cartos nisto... a cambio de nada. Supoño que é legal, pero non me parece completamente xusto, ¿e a vós?

Se queredes xogar a esta rifa, a vosa estratexia ten que ter como obxectivo emitir unha soa poxa, que ten que ser a derradeira da subhasta. Desta maneira só teredes que pagar o prezo do artigo, máis os 50 céntimos da poxa. Se alguén supera a vosa poxa, baixo ningún motivo poxedes unha vez máis, ou só conseguiredes tirar máis cartos ao lixo: é coma apostar máis cartos para recuperar o perdido na ruleta.

Ben, este é o final da historia. Se tedes interese en sabelo, a empresa é Swoopo, esta é a subhasta da consola, esta é a subhasta dos teléfonos e esta é a subhasta da cámara.