O 15 de agosto publicara unha historia aquí dicindo que ía empregar Windows máis a miudo, e incluso ía a aprender a programar para Windows. Vexamos como me vai:
De tódalas diferencias entre Windows e Linux, a que máis noto é que en Windows non existe a “selección primaria”. Iso é o nome técnico da característica de X-Window pola que, se seleccionas texto co rato, despois podes pegalo en calquera sitio premendo a roda do rato. Como estou afeito a usalo continuamente en Linux, en Windows sempre esquezo premer Control-C e Control-V para copiar e pegar.
Tamén, coma dixen antes, estou a aprender a programar para Windows. Ao principio descargara o Visual Studio C++ Express Edition (por iso de que é gratuito), pero resulta que ten tantas limitacións que incluso me impedía traballar. Por sorte, na web de Microsoft hai dispoñible unha versión de avaliación do Visual Studio Professional Edition, que ten todas as características pero está limitado a 90 días, así que a descarguei (3 GB) e estou a empregala agora.
O programa que estou a facer é un cliente de Twitter. Ao facer este programa poderei traballar en moitas partes de Windows distintas, coma a interface de usuario, as comunicacións pola rede, APIs para interpretar XML e traballar con gráficos, etc. Hame dar bastante traballo porque teño que aprendelo todo segundo avanzo, pero xa conseguín facer un programa que amosa unha fiestra e pode descargar datos de Twitter e amosalos en formato XML tal como os recibiu do servidor:
Ah, e tamén xoguei e acabei o World of Goo. Ese é un xogo que consiste en unir bólas pegañentas formando estructuras para acadar un obxectivo. Fixérono entre catro persoas cun presuposto de 10.000 dólares, e tivo moito éxito. A verdade é que é un xogo precioso, e paga a pena. Ah, e funciona en Windows, Mac e Linux (e hai versións de demostración para as tres arquitecturas).